«Cinema que transforma» é un ciclo de curtametraxes, froito da colaboración entre Afundación e FICBUEU, pensado para levar á aula temas como o acoso, a igualdade, a diversidade e as relación afectivas a saúde emocional. Cada curta vai acompañada dunha unidade didáctica deseñada para abrir o debate co alumnado.
Este recurso está aliñado coa LOMLOE, que dá un papel central á educación emocional, á prevención do acoso e á resolución pacífica de conflitos, ademais de traballar a alfabetización audiovisual.
Como participar?
Escolle unha ou varias curtas, solicita o acceso aos vídeos e á unidade didáctica ao equipo de Afundación e comparte connosco a túa experiencia.
Catálogo de curtametraxes
Tümpel (Charca) | Infantil e ata 3.º de Primaria | 8 minutos. Ver tráiler
Un pequeno arenque sepárase do seu banco e queda atrapado nunha poza. Mentres busca a saída, descobre criaturas mariñas moi diferentes a el. Unha historia sobre o medo ao descoñecido e a xestión das emocións.
Fort comme un lion (Forte coma un león) | de 4.º de Primaria a Bacharelato e CF | 15 minutos. Ver tráiler
Unha mañá de tormenta, Léonard vese obrigado a coller o autobús escolar e enfróntase de cheo ao acoso dos seus compañeiros. Un drama íntimo sobre o sufrimento das vítimas de acoso e o papel activo de quen o presencia.
Onderhuids (Baixo a pel) | ESO, Bacharelato e CF | 20 minutos. Ver tráiler
Keesje, unha adolescente introvertida, practica natación sincronizada coas súas amigas. Por fóra parecen o grupo perfecto, pero baixo a superficie medran as tensións e o acoso encuberto. Un retrato da presión de grupo e da procura da propia identidade.
Lluna de sal (Lúa de sal) | ESO, Bacharelato e CF | 16 minutos. Ver tráiler
Gala, de 15 anos, e Lluna, a súa amiga da infancia, que ten autismo, comparten rutina e equipo de atletismo. Cando o club as separa por primeira vez, Gala achégase a un grupo de rapazas maiores e queda atrapada entre a lealdade a Lluna e o desexo de pertencer. Unha mirada aos vínculos afectivos na adolescencia e ao difícil equilibrio entre encaixar e seguir sendo quen es.
A menina com olhos ocupados (A nena dos ollos ocupados) | de Infantil a 3.º de Primaria | 8 minutos. Ver tráiler
A protagonista desta curta de animación é unha nena que percorre a cidade, o campo e a praia absorta na pantalla do móbil, sen reparar no que acontece ao seu arredor. Unha reflexión sobre o uso das pantallas e todo o que deixamos de ver cando non levantamos a vista.
El regalo (O agasallo) | de 4.º de Primaria a Bacharelato e CF | 14 minutos. Ver tráiler
Aurora, Desi e Samara, tres mulleres xitanas, viaxan desde o seu barrio periférico de Otxarkoaga ata o centro de Bilbao para mercarlle un agasallo á sobriña dunha delas. A xornada tórcese cando as dependentas dunha tenda as acusan falsamente de roubar. Unha denuncia directa do racismo estrutural e dos prexuízos cotiáns aos que se enfronta a comunidade xitana.






Proximamente engadiranse ao catálogo os seguintes títulos:
Algo novo que contar | ESO, Bacharelato e CF. Ver tráiler
Volles Nest (Niño cheo) | Infantil e ata 3.º de Primaria. Ver tráiler
Hello stranger (Ola, descoñecide) | ESO, Bacharelato e CF. Ver tráiler