Diferentes actividades culturais impartidas por monitores/as con diversidade funcional completan un programa para todos os centros escolares de Galicia, onde o alumnado participa do valor da diversidade como elemento de enriquecemento social e persoal.
É clave que desde a infancia se entenda a diversidade funcional como unha invitación a comunicarse, a aprender e a medrar. Unha proposta anovadora que elimina barreiras e achega valores coma o esforzo, a empatía, a aceptación da diferenza, a autoestima ou o respecto, ademais de incidir na sensibilidade afectiva e emocional, favorecer unha sociedade equitativa, xusta e diversa e facilitar as relacións interpersoais.
OBRADOIROS
Infantil e 1º de Primaria
CONTACONTOS A FAMILIA narrará un conto creado pola Fundación Igual Arte, de maneira teatralizada. A historia tratará das diferentes familias coas que nos podemos atopar (monoparentais, numerosas, con dous pais, con dúas nais, etc.).
Unha vez escoitado o conto, realizarase a actividade «Creando a miña familia». Por grupos, debuxarán as persoas que conforman unha familia, uníndoas todas para crear un móbil colgante.
CONTACONTOS A SEREA NO OCÉANO, un conto teatralizado onde unha serea se atopa coa beleza do mar (diferentes animais mariños) e co maltrato que este recibe (lixo). Unha historia sobre a concienciación do coidado dos océanos, crucial polo seu grave impacto ambiental e pola saúde dos ecosistemas mariños. Aparecerán varios elementos sensoriais: a canción, os ruídos, as pompas… Despois, como actividade, entregaranse diferentes siluetas de animais mariños para decorar e facer xogos de sombras cun proxector.
* Escolleríase un dos dous obradoiros.
1º, 2º, 3º e 4º de Primaria
«AS TAREFAS DO FOGAR ENTRE TODAS E TODOS» é unha obra de teatro cargada de humor, pero cunha mensaxe moi seria: a igualdade de xénero. Un espectáculo no que o público terá un gran protagonismo, xa que será convidado a participar en varias ocasións.
Duración: 45/50 minutos
Idioma: Castelán/galego
5º e 6º de Primaria
OBRADOIRO DE PERCUSIÓN. As monitoras e monitores farán un pequeno concerto para despois realizar un obradoiro de percusión corporal e percusión con instrumentos de material reciclado, que serán achegados dende o propio obradoiro.
GLOBOFLEXIA. Explicaránselle ao alumnado os comezos e principios da globoflexia, unha técnica artística coa que se poden facer diferentes figuras con globos, utilizando a torsión como elemento modelador. Implementar a globoflexia na área educativa permite fomentar a creatividade e a imaxinación para obter formas complexas e orixinais. Unha vez realizada a primeira toma de contacto, dividiranse en grupos e cada un realizará unha gran figura composta.
* O alumnado participante dividirase entre os obradoiros de percusión e globoflexia.
ESO
PROXECCIÓN DE CURTAMETRAXES. Proxectaranse dúas curtas de temática inclusiva, realizadas pola Fundación Igual Arte.
Con lupa: unha historia cotiá e íntima, construída sobre os xestos e o silencio, ou dito con máis precisión, sobre os silencios. Preséntase un catálogo de olladas que revelan a incomodidade de cada situación descrita, e en cada unha destas olladas subxacen os nosos prexuízos e medos.
Por iso: narra a historia dunha rapaza con diversidade funcional que ten a inquedanza de prolongar os seus estudos e acode a inscribirse nun Ciclo Medio. Porén, cando chega á secretaría do centro educativo, atópase con barreiras inesperadas.
Esta curtametraxe trata de reivindicar a igualdade de oportunidades educativas.
Unha vez realizado o visionado, abrirase un pequeno debate sobre as mensaxes ou reflexións extraídas da curta. Para estes debates contarase con algúns actores ou actrices protagonistas.
ESPAZOS
Actividade presencial nos propios centros escolares