«Todas e todos contamos» é unha xornada escolar inclusiva pola creatividade e as artes, impartida por monitores e monitoras con diversidade funcional, na que o alumnado descobre o valor da diversidade como fonte de enriquecemento social e persoal. Unha proposta que elimina barreiras e traballa valores como o esforzo, a empatía, a aceptación da diferenza, a autoestima e o respecto.
As actividades adáptanse a cada etapa educativa:
Infantil e 1.º de Primaria. Contacontos teatralizado (a elixir un):
- La familia: un conto sobre os distintos tipos de familia que existen (monoparentais, numerosas, con dous pais, con dúas nais…). Despois, na actividade «Creando a miña familia», o alumnado debuxa por grupos as persoas que forman unha familia e úneas para crear un móbil colgante.
- A serea no océano: un conto sobre a beleza do mar e o dano que sofre pola basura, para concienciar sobre o impacto dos plásticos nos ecosistemas mariños. Incorpora elementos sensoriais e, como actividade, o alumnado decora siluetas de animais mariños e xoga coas súas sombras a través dun proxector.
2.º, 3.º e 4.º de Primaria. Obra de teatro participativa (a elixir unha):
- As tarefas do fogar entre todas e todos: unha obra chea de humor cunha mensaxe moi seria, a igualdade de xénero, na que o público participa en varias ocasións.
- Sen luz: unha obra sobre o consumo excesivo de pantallas. Os seus protagonistas están «enganchados» ata que, de súpeto, se vai a luz: a partir de aí, redescobren, xunto ao público, o marabilloso que é xogar.
5.º e 6.º de Primaria. Dous obradoiros que se reparten entre o alumnado:
- Percusión: tras un pequeno concerto dos monitores e as monitoras, o alumnado participa nun obradoiro de percusión corporal con instrumentos feitos de material reciclado.
- Globoflexia: unha introdución a esta técnica artística que dá forma a figuras retorcendo globos e que estimula a creatividade e a imaxinación. Tras un primeiro contacto, cada grupo crea unha gran figura conxunta.
ESO. Proxección de curtametraxes e debate:
Proxéctanse dúas curtas de temática inclusiva da Fundación Igual Arte: Con lupa, unha historia cotiá construída sobre os xestos e os silencios, e Por eso, a historia dunha rapaza con diversidade funcional que quere seguir estudando e se atopa con barreiras inesperadas ao matricularse. Tras o visionado ábrese un debate, no que participan algúns dos actores protagonistas.
As actividades requiren un mínimo de 85 e un máximo de 125-150 participantes, segundo a proposta escollida.