A psicóloga María Gómez, coñecida nas redes sociais como @merigopsico, ofrece esta conferencia sobre saúde mental de maneira presencial na Sede Afundación Pontevedra e online a través de Afundación TV. Estudou Psicoloxía na Universidade de Salamanca (USAL), é Máster Xeral Sanitario pola Universidade Europea de Madrid (UEM) e realizou un Máster de Actualización e Intervención Psicolóxica e Saúde Mental (UDIMA). Cunha formación baseada na Análise Funcional da Conduta, fundou o estudo Sapiens de terapia en liña e conta con preto de 700 mil seguidores aos que anima a falar da tecnoloxía con propósito.
María Gómez vén falarnos de saúde mental propoñendo preguntarnos de que falamos exactamente cando usamos esa expresión. Por unha banda, inclúe aspectos como a soidade, as relacións coas demais persoas, a autoestima e o benestar emocional; por outra, está atravesada polo contexto actual, marcado polas pantallas e as redes sociais que moldean a nosa forma de relacionarnos e de sentirnos.
A pregunta «E ti que farías?» invítanos a pensar en como afrontar as distintas situacións do día a día. Non hai receitas universais, pero si estratexias prácticas: recoñecer o contexto, identificar os desafíos e buscar xeitos concretos de responder ao que nos pasa.