«Vítor Mejuto. A Coruña cidade» convídanos a redescubrir a cidade herculina cunha ollada nova e a fixarnos nos edificios e detalles arquitectónicos que forman parte do noso contorno e que moitas veces pasan inadvertidos. Nas súas pinturas, o artista transforma estas formas cotiás en composicións xeométricas cheas de cor e amosa como a arquitectura que nos rodea pode converterse nunha fonte de inspiración artística.
Na visita-encontro, o alumnado poderá coñecer o proceso creativo de Vítor Mejuto e descubrir como converte a súa ollada sobre A Coruña en pintura. É unha ocasión estupenda para conversar con el, espertar a curiosidade do alumnado e aprender a observar a nosa contorna doutra maneira.