«Plantando árbores con pinceis» é un innovador proxecto escolar pola sostibilidade que une cultura e creatividade: realizamos no teu centro un mural artístico, colaborativo e ecolóxico con pinturas fotocatalíticas, capaces de absorber e depurar contaminantes do aire como os óxidos de nitróxeno e outros gases xerados pola industria ou o tráfico. O obxectivo é achegar ao alumnado unha mensaxe positiva sobre o coidado do contorno, propoñendo alternativas de lecer que fomentan o respecto polo medio natural a través da arte, cunha metodoloxía participativa e colaborativa.
O alumnado pintará un mural con temáticas medioambientais nunha parede designada polo centro. A actividade complétase con dous obradoiros de concienciación: a estampaxe con pinturas fotocatalíticas (o alumnado crea un modelo sobre o coidado do medio ambiente e estámpaa nos lugares que decida o centro, ademais dun lenzo que quedará para eles) e o pintado de bolsas de tea con pinturas non contaminantes.
Este curso continuamos ademais co proxecto «O mar empeza aquí», unha campaña de sensibilización do programa «Educación para a sostibilidade» da Obra Social de ABANCA, que visibiliza a facilidade coa que residuos urbanos como papeis, plásticos ou cabichas poden acabar no mar a través dos sumidoiros. Por iso, nesta ocasión o alumnado verá como se estampa este modelo nun dos sumidoiros do centro.