MÚSICA A FLOR DE PEL: CONCERTOS

Concertos didácticos

INSCRICIÓN

Aberta

DENDE

04-09-2025

ATA

01-06-2026

Información

Conscientes da importancia da música como canle de comunicación e incentivo para melloras cognitivas, socio-emocionais e motrices, desde Afundación continuamos co programa presencial de acceso á música en directo dirixido a todos os Centros de Educación Especial de Galicia. Unha actividade intensa en emocións e sentimentos que permite ao alumnado destes centros gozar dunha xornada festiva, divulgativa e musical. A música axuda nenas, nenos e mocidade con necesidades especiais a mellorar o seu desenvolvemento emocional, afectivo, sensorial e perceptivo, fomenta a súa atención, reduce a súa ansiedade e facilita o establecemento de relacións interpersoais, entre outros beneficios; á vez que gozan dunha diversión intensa e emotiva.

PROPOSTAS:

 FUNDACIÓN IGUAL ARTE

Unha triple proposta, a escoller:

Agrupación musical De t@pas 

Concerto de música tradicional, con novo repertorio, que combina xogos e interacción co público.

Agrupación musical Lavanda

Proposta musical infantil. Músicas coñecidas onde nos relacionamos e xogamos cos seus personaxes, mentres se entoan cancións do circo, de debuxos animados e ata cancións infantís tradicionais.

Música con Sentido

Unha proposta sensorial onde a música e o son se combinan para experimentar cos diferentes sentidos. Distintas texturas e materiais son ferramentas esenciais para traballar co auditivo.

A Fundación Igual Arte é un espazo activo onde se traballa a arte con persoas con discapacidade, entendendo que a arte é un dereito que nos pertence a todas e a todos, que leva parella a maxia de expresar, comunicar e transmitir. 

Esta entidade sen ánimo de lucro nace no ano 2002, creada e formada por profesionais da educación e da arte. Declarada Fundación de Interese Galego pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, no ano 2010 recibiu o galardón ao Proxecto cultural máis innovador e vangardista que outorga a Deputación de Pontevedra, polo seu labor levado a cabo no campo artístico e cultural con persoas con necesidades educativas especiais.

——————————————————————————————————————-

XOÁN CURIEL E DIANA GONZÁLEZ

Unha actividade-experiencia para escoitar cancións compostas por Xoán Curiel no ámbito das músicas do mundo: reggae, pop, rock, música tradicional, etc. O artista e a actriz Diana González crean toda unha experiencia en directo onde aprender algúns ritmos e sons, utilizando elementos teatrais, de narración oral e puntualmente de clown.

Coa súa guitarra e a súa voz, Xoán e mais Diana propoñen un momento íntimo no que o público asistente pode escoitar sons diversos, algúns deles non moi comúns, para traballar coa estimulación auditiva. As nenas e nenos poden xogar cos instrumentos percusivos ou doutra índole para poder experimentar.

Xoán Curiel é un artista galego que destaca polo seu perfil rebuldeiro e polifacético: actor, cantante e músico profesional dende o ano 2000; cunha dilatada experiencia como compositor (letra e música), director artístico, bailarín, actor, director e docente de teatro. Unha longa traxectoria artística que o levou por toda Galicia e tamén polo mundo, compartindo e promovendo a cultura galega.

Con máis de vinte anos de carreira, ten sete discos publicados e varios premios e candidaturas a nivel galego e estatal. Ten producido e dirixido diversos espectáculos. Realiza xiras por Galicia, resto da península e tamén polo estranxeiro (Italia, Francia, O Brasil, A Arxentina, EEUU).

Na súa carreira artística musical camiña na innovación de estilos dentro da canción de autor e das músicas do mundo en diversos proxectos propios e doutros/as artistas. No ámbito infantil e familiar destacan espectáculos co seu grupo A banda do verán.

Como actor, traballa en compañías teatrais como Pífano SL ou Os Quinquilláns. Tamén realiza concertos didácticos e participa como actor, músico e cantante en espectáculos como Sons Miúdos ou A Nena e O Grilo.

No plano educativo e social, ten traballado impartindo clases de teatro, expresión do corpo e da voz con alumnado en xeral e máis específicamente con adolescentes, terceira idade e tamén con familiares, coidadores e persoas con diversidade funcional en asociacións como FADEMGA.

Como terapeuta, traballa con grupos de crecemento persoal (voz, corpo e teatro terapéutico e tamén ten colaborado en grupos de terapia).

Estuda interpretación no Estudio de Juan Carlos Corazza (Madrid), na escola Eolia (Barcelona) e na escola Espazo Aberto (Compostela). 

Terapeuta Gestalt pola AETG (Asociación Española de Terapia Gestalt).

Formado en Terapia Integrativa do Carácter (Programa SAT de Claudio Naranjo).

Formado na ETT Escola Española de Teatro Terapia Gestalt (actualmente no proceso final de supervisión).

Diana González é diplomada en Maxisterio (Pedagoxía Terapéutica) pola Universidade de Vigo. Licenciada en Arte Dramática pola Universidade de Kent, en Madrid (2000-2004). Formada en Terapia Gestalt pola AEGT (Asociación Española de Terapia Gestalt).

Actriz, dinamizadora e profesora de teatro, ten unha enorme experiencia con todo tipo de públicos e tamén impartindo aulas e dinamizando grupos de todas as idades.

Como actriz, realiza espectáculos de sala, de rúa e participa tamén en series e longametraxes como: Quien a hierro mata, Vivir sin permiso, El final del Camino, Pazo de Familia, Hospital Real,…

Ademais, traballa en espectáculos en diferentes compañías teatrais como El Globo Rojo S.L., PTCLAM, Tragaleguas Teatro ou 7Burbujas cos que realiza extensas xiras por toda España.

Como mestra e dinamizadora, Diana ten unha dilatada experiencia con grupos de nenos/as, adultos/as e tamén terceira idade. Traballou ademais como monitora de persoas con diversidade funcional en campamentos de verán da Comunidade de Madrid e como profesora de teatro no Festival «Arriba el Telón, abajo las barreras» para persoas con discapacidade.

ESPAZOS

Esta actividade está dirixida exclusivamente aos Centros de Educación Especial de Galicia. Realizarase nos propios centros escolares de Educación Especial. En interior ou exterior, segundo as condicións meteorolóxicas o permitan.

modalidade

Presencial

LUGAR

No propio Centro de Educación Especial

ETAPA ESCOLAR

Centros de Educación Especial

DURACIÓN

60 minutos

IDIOMA

Galego

PREZO

De balde

PERIODO ESCOLAR

Todo o curso escolar

AFORO

-

Datas

Outubro-novembro 2025

Maio-xuño 2026

Descargas

Inscrición / información

Os centros recibirán unha chamada para anotarse na actividade.

Outras actividades

INSCRICIÓN ABERTA

Teatro de actor

INSCRICIÓN PECHADA

Teatro de actor

INSCRICIÓN PECHADA

Teatro de actor

INSCRICIÓN ABERTA

Música e audiovisual