Afundación presenta no Café Moderno Afundación Pontevedra a mostra «Habitar o baleiro», unha exposición construída con fotografías, audios, vídeos e textos que compoñen un retrato coral e profundamente humano sobre o rural galego, a súa transformación, aquilo que se perde, aquilo que resiste e as novas oportunidades que nel xorden.
O proxecto naceu da man do fotógrafo Brais Lorenzo e un equipo de xornalistas formado por Cláudia Morán, Alba Moledo, Sergio Pascual e Lucía Abarrategui. Xuntos percorreron zonas rurais de Galicia, especialmente das provincias de Ourense e Lugo, para retratar o envellecemento e a soidade, a convivencia cos parques eólicos, o impacto da seca e os incendios, así como os proxectos de vida que elixen quedarse ou volver ao campo.
Trátase dun traballo xornalístico recoñecido con premios como os Ortega y Gasset, os Sony World Photography Awards e os Istanbul Photo Awards, entre outros.
Afundación acompáñaa cunha programación escolar para todas as idades:
Etapa escolar:
- Visita conto con obradoiro para escolares desde infantil a 4.º de E.P.: «Desenmarañando a vida rural»
- Visita obradoiro para escolares desde 5.º de E.P. ata 2.º da ESO: «Silencio, lume, esperanza…»
- Visita obradoiro para escolares desde 3.º da ESO, Bacharelato e CF: «Habitar o baleiro»