Soños é a primeira obra teatral galega que trata a situación da mocidade tutelada dun xeito integral. Un espectáculo divertido, ameno e sorprendente, pero tamén cunha gran forza social. Unha ficción moi realista e con moito ritmo que nace do contacto directo do autor e directora con mocidade tutelada, levando as súas experiencias ao escenario. Soños é unha ventá á realidade da mocidade en risco de exclusión: amósanos o seu contexto, as súas aspiracións, os seus medos. Un espectáculo que vai chegar con moita facilidade ao corazón e á cabeza do público.
ENCONTRO
Ao rematar a obra, unha educadora social das vivendas tuteladas de Igaxes, reflexionará co público sobre os prexuízos da sociedade, os estigmas inxustos que levan certos mozos e mozas e a importancia de darlles unha oportunidade antes de emitir un xuízo denigrante. Exemplos para entender o absurdo dos prexuízos contra este ou outros colectivos.